Depósitos aureos prehistóricos
Ao longo do século XX apareceron en Caldas de Reis dous depósitos aureos prehistóricos da Idade de Bronce. O máis significativo, coñecido como Depósito das Silgadas ou Tesouro de Caldas I, foi localizado na Canle no Nadal de 1940 por Amalio Touceda e constitúe a acumulación de ouro máis grande dese período en todo o occidente europeo, rondando orixinalmente os 27 Kg. Ademais, alguhas das pezas son tamén únicas e excepcionais tanto pola súa singularidade como polas técnicas empregadas na elaboración. O segundo depósito, foi localizado nos anos 80 na apertura para a cimentación dun edificio na Rúa Sagasta por José Manuel Campañó, quen o entregou ao Museo de Pontevedra, e formaría parte dunha diadema decorada ou dun cinturón ou a ornamentación dos accesorios dunha vestimenta de prestixio. Unha das hipóteses é que podería formar parte dun enterramento, pero a falta dunha actuación arqueolóxica impediu coñecer o contexto.
O realmente significativo destes dous conxuntos non é o metal no que están feitos nin a súa cantidade, senón a información que poden aportar en canto a procesos tecnolóxicos de obtención e elaboración das pezas, procedencia do ouro, redes de comunicación e intercambio de obxectos e persoas que poden acadar miles de kilómetros, estratexias e establecemento de alianzas, sistemas premonetais, orixe das desigualdades sociais, prácticas rituais, lóxicas dos lugares de deposición, etc. Moitos destes estudos están aínda por realizar e poderían aportarnos valiosísima información sobre as sociedades prehistóricas que habitaron estas terras.
Imagen
Texto
Vídeo
Link