As Cantigas de Santa María, escritas na segunda metade do século XIII polo rei Afonso X o Sabio e os seus colaboradores, recollen os milagres realizados pola Virxe. Trátase dunha das máis importantes obras poético-musicais da Idade Media. Destaca a número 104 ou Cantiga de Caldas, unha das poucas testemuñas de localización en Galicia dun milagre eucarístico. Un documento que aúna texto, notación musical e miniaturas.
En xuño de 2024 foi presentado no Auditorio de Caldas de Reis o documental «A Cantiga de Caldas», patrocinado por Bodegas Martín Códax e coa colaboración do Concello de Caldas de Reis. Este proxecto foi desenvolvido polo prestixioso grupo de música antiga Martín Códax e nel participaron destacados académicos expertos en Historia e Literatura Medieval. O documental relata o milagre da Virxe, a composición e a conservación dos manuscritos, xoia da cultura medieval galega.
En xuño de 2025, a Asociación Terra Calda, levou a cabo un ciclo de conferencias e colaborou no deseño dun agasallo institucional promovido polo Concello de Caldas de Reis, que consiste nunha reprodución (orixinal na RBME) e explicación desta Cantiga.
Documental: A Cantiga de Caldas
Vídeo documental sobre a Cantiga 104 de Caldas
Agasallo institucional ás igrexas de Santa María de Caldas e de Bemil
Imaxe orixinal da Cantiga 104 do RBME. Patrimonio Nacional