Proxectos subvencionados e iniciativas de desenvolvemento cultural do territorio
Ao longo do século XX apareceron en Caldas de Reis dous depósitos aureos prehistóricos da Idade de Bronce. O máis significativo, coñecido como Depósito das Silgadas ou Tesouro de Caldas I, foi localizado na Canle no Nadal de 1940 por Amalio Touceda e constitúe a acumulación de ouro máis grande dese período en todo o occidente europeo, rondando orixinalmente os 27 Kg. Ademais, alguhas das pezas son tamén únicas e excepcionais tanto pola súa singularidade como polas técnicas empregadas na elaboración. O segundo depósito, foi localizado nos anos 80 na apertura para a cimentación dun edificio na Rúa Sagasta por José Manuel Campañó, quen o entregou ao Museo de Pontevedra, e formaría parte dunha diadema decorada ou dun cinturón ou a ornamentación dos accesorios dunha vestimenta de prestixio. Unha das hipóteses é que podería formar parte dun enterramento, pero a falta dunha actuación arqueolóxica impediu coñecer o contexto. O realmente significativo destes dous conxuntos non é o metal no que están feitos nin a súa cantidade, senón a información que poden aportar en canto a procesos tecnolóxicos de obtención e elaboración das pezas, procedencia do ouro, redes de comunicación e intercambio de obxectos e persoas que poden acadar miles de kilómetros, estratexias e establecemento de alianzas, sistemas premonetais, orixe das desigualdades sociais, prácticas rituais, lóxicas dos lugares de deposición, etc. Moitos destes estudos están aínda por realizar e poderían aportarnos valiosísima información sobre as sociedades prehistóricas que habitaron estas terras.
Saber máis
Actos realizados na anualidade comprendida entre outubro de 2024 e setembro de 2025, para conmemorar o 125 aniversario da posta en funcionamento da Fábrica da Luz de Segade, que tivo lugar en setembro de 1899. En 2024 instaláronse uns paneis ou lonas informativas na Fábrica da Luz promovidos polo Concello de Caldas e realizáronse uns trípticos en tres idiomas, actuacións nas que a nosa Asociación aportou proxecto técnico e contidos. En setembro de 2025 tamén se levou a cabo unha visita teatralizada e a publicación dun libro infantil por parte da concellería de Cultura e unha mesa redonda organizada por Terra Calda para pechar o ciclo. No ano 2026 participamos guiando unha visita para dous centros educativos de Ponte Caldelas e Forcarei.
Saber máis
As Cantigas de Santa María, escritas na segunda metade do século XIII polo rei Afonso X o Sabio e os seus colaboradores, recollen os milagres realizados pola Virxe. Trátase dunha das máis importantes obras poético-musicais da Idade Media. Destaca a número 104 ou Cantiga de Caldas, unha das poucas testemuñas de localización en Galicia dun milagre eucarístico. Un documento que aúna texto, notación musical e miniaturas. En xuño de 2024 foi presentado no Auditorio de Caldas de Reis o documental «A Cantiga de Caldas», patrocinado por Bodegas Martín Códax e coa colaboración do Concello de Caldas de Reis. Este proxecto foi desenvolvido polo prestixioso grupo de música antiga Martín Códax e nel participaron destacados académicos expertos en Historia e Literatura Medieval. O documental relata o milagre da Virxe, a composición e a conservación dos manuscritos, xoia da cultura medieval galega. En xuño de 2025, a Asociación Terra Calda, levou a cabo un ciclo de conferencias e colaborou no deseño dun agasallo institucional promovido polo Concello de Caldas de Reis, que consiste nunha reprodución (orixinal na RBME) e explicación desta Cantiga.
Saber máis
Actos realizados ao longo do ano 2026 con motivo da conmemoración do 900 aniversario da coroación de Afonso VII como rei de Galicia, León e Castela.
Saber máis